miércoles, 23 de marzo de 2016

FRUSTRACIÓN CIDADÁN ANTE AS MELODRAMÁTICAS E ARREPIANTES LIORTAS DALGÚNS POLÍTICOS FELÓNS E FALCATRUEIROS. (1ª. PARTE). SARCÁSTICO E SATÍRICO QUEIXUME DUN MORTO DIANTE DA MORTE. (2ª. PARTE)

Por Antonio José Parafita Fraga, escritor e comentarista de temas sociais e políticos. Del BlogVERBO SUELTO, de Antonio José Parafita Fraga, cuyo enlace es verbosuelto.blogspot.com
Primeira parte do enunciado: Frustración cidadán ante as melodramáticas e arrepiantes liortas dalgúns políticos felóns e falcatrueiros.
 
Este comentarista tenta romper a monotonía da homoxeneidade temática das súas  publicacións habituais sobre temas sociais e políticos que enmarcan a actualidade en cada momento, coa intercalación deste breve ensaio sarcástico e mesmo rexoubeiro e xocoso para aliviar un pouco o intelecto e a emotividade de quen lean este artigo das angustiosas inquietudes políticas, económicas e socio/culturais neste intre de incertezas e inseguridades de todo tipo, así como de convulsas e desconcertantes confusións dos cidadáns deste país. 
A primeira parte do enunciado, está adicada a describir e  mostrar a lamentable e triste realidade política que estase a vivir en España por mor das liortas entre partidos políticos e os seus dirixentes, chamados tamén líderes ou, no seu caso, lideresas, de xeito impropio e eufemístico. Pero será na segunda parte, cando o lector poderá entreterse un chisco co lecer que lle producirá, sen lugar a dúbidas, a lectura deste breve ensaio sarcástico e satírico queixume dun morto diante da morte. Aínda que pareza un diálogo un tanto macabro e hilarante, pode contribuír ao divertimento do espírito dos lectores e a mellorar o estado anímico de quen goza de tranquilidade e sosego. Por iso, é  necesario, aproveitar ben os momentos de lecer que, a cada quen, lle ofrece a propia vida.  
Mais, por uns momentos o autor vai centrar a súa reflexión sobre as frustracións que experimentan os cidadáns diante das melodramáticas e arrepiantes liortas dalgúns políticos felóns e falcatrueiros. No discurso social e político está presente a idea de que os cidadáns deste país viven nunha democracia consolidada, aínda que perfectible en moitos aspectos da mesma. E isto, non se axusta a realidade xa que a situación real e as actuacións políticas e administrativas dalgúns responsables públicos distan moito dese apaixonante anhelo constitucional de “España se constituye en un Estado social y democrático de Derecho, que propugna como valores superiores de su ordenamiento jurídico la libertad, la justicia, la igualdad y el pluralismo político. Que la soberanía nacional reside en el pueblo español, del que emanan los poderes del Estado. Que la forma política del Estado español es la Monarquía parlamentaria y que la Constitución se fundamenta en la indisoluble unidad de la Nación española, patria común e indivisible de todos los españoles, que reconoce y garantiza el derecho a la autonomía de las nacionalidades y regiones que la integran y la solidaridad entre todas ellas”.
Pero o caso é que a denominada Constitución do consenso, da concordia e da reconciliación está sendo cuestionada por unha parte considerable de cidadáns da esquerda, en especial dos que profesan a filosofía do rancio nacionalismo radical, separatista e independentista, do movemento antisistema e do  emerxente populismo demagóxico que postula o eufemístico dereito xurídico e político a decidir das distintas nacionalidades do Estado, cando a Carta Magna só contempla e recoñece unha realidade nacional dentro do Estado, que é a Nación española.  En consecuencia, defende a unidade territorial de España e rexeita a pluralidade de nacións e a secesión. Algúns partidos políticos e os seus dirixentes ofrecen a través das terminais mediáticas unha serie de cambios, entre eles, o do modelo de Estado, pero ocultan que para levalos a cabo hai que contar coas maiorías que establece a propia Constitución de 1978. De sorte que, ao respecto, minten e enganan a cidadanía de maneira descarada, noxenta, repulsiva e indecente, ao tempo que cometen a vergoñosa  felonía política de antepoñer os intereses persoais e de partido aos xerais do pobo español. 
É necesario e urxente formar un goberno forte e estable en España que garanta a gobernabilidade aos efectos de poder acometer reformas pendentes esixidas ou reclamadas por Bruxelas para a saída definitiva da crise, mediante a reactivación da economía, a creación de emprego estable e de calidade, a loita contra a corrupción sistémica e institucionalizada, a rexeneración democrática e política, a redución de déficit, público e privado, e asemade, potenciar o estado do benestar, correxir a lentitude da xusticia e lograr que os españois sexamos iguais ante a ley, e libres. Neste senso, tal vez conveña lembrar as declaración feitas polo do presidente do Goberno en funcións, Mariano Rajoy, a punto de cumprirse tres meses da celebración das eleccións xerais, reiterando a súa opinión de que un “Goberno con PSOE, Podemos e as forzas independentistas” sería “terrible” para a unidade de España e a creación de emprego.
A propósito do mal endémico e daniño para a propia democracia e perxudicial para a credibilidade das institucións do Estado, a corrupción, hai que deixar claro que, segundo a prensa e as resolucións xudiciais, “el PSOE es el campeón de la corrupción con 264 imputados frente a 200 del PP”. Non é aventurado afirmar que a día de hoxe os partidos políticos españois dan por esgotada a etapa de negociación para conformar un novo goberno reformista nin que Pedro Sánchez e Albert Rivera están a piques do divorcio político e da ruptura dese pacto contranatura firmado entre ámbolos dous dirixentes.  Pero, non se pode descartar que só Pablo Iglesias sexa quen de evitar in extremis uns novos comicios se a agrupación de marcas e siglas, Podemos, apoia a un decadente e periclitado PSOE, operación que cada vez presenta maiores complexidades e tamén resulta máis complicada.
Despois de que no Congreso dos Diputados, fose derrotada a investidura de Pedro Sánchez por dúas votacións consecutivas, na proporción de 130-1 votos a favor e 219 en contra, fíxose patente a fallida pretensión de artellar unha mairía parlamentaria para conformar un goberno alternativo ao do PP, que preside en funcións, Mariano Rajoy, candidato e partido que gañaron democraticamente as eleccións do día 20D do pasado ano 2015 por maioría de votos. O caso é que, polo de pronto, o PP non pode gobernar porque os partidos constitucionalistas non só lle negan os apoios necesarios, senón tamén que arredor desta forza política, plenamente democrática e que conta co maior número de afiliados e simpatizantes, estánse creando, desde fai tempo, cordóns sanitarios e acordándose pactos de illamento sectarios e propios de rexímenes totalitarios. Estas actitudes de hostilidade democrática e mesmo de persecución política, están orientadas a eliminar á dereita e todo o que teña relación con esa opción política, tan lexítima coma as outras, ou  cos valores e principios que defende.
De modo semellante poden ser enmarcadas as actuacións e condutas de moitos políticos e responsables públicos contra todo o relixioso, especialmente de natureza cristián católica, e contra os seus signos e símbolos. Sen respectar tan sequera os dereitos fundamentais das persoas, como o de liberdade relixiosa ou de manifestación e expresión do sentimento relixioso. A actual hostilidade contra a propia Igrexa Católica é manifesta. Asemade, é notorio que este movemento social e político de acoso non iza a bandeira do respecto e da tolerancia senón a dun laicismo radical, extemporáneo e mordaz, ao tempo que unha exacerbación da cristianofobia.
Non, o símbolo característico e distinguible destes grupos antisistema é a do anticristianismo de cuño e selo anticlerical. Nesta liña de pensamento único e concepcións ideolóxicas dogmáticas, pódense situar as actuacións liberticidas, como a de Rita Maestre, portavoz do Concello da capital de España, coñecida a través dos medios de comunicación social como “asaltacapillas”, que foi xulgada e condenada tras asaltar e profanar unha igrexa , é dicir, dun espazo reservado a actos de culto e oración dos crentes. É salientable o intento e a pretensión da nova política de laicizar os elementos culturais,  históricos e tradicionais de España ata extremos laicistas. 
A sentenza deixa claro que a conduta de Rita Maestre trouxo consigo a invasión dun lugar dedicado a actos litúrxicos  e a oración dos crentes cristiáns católicos, a perturbación da liberdade relixiosa e do dereito doutras persoas a expresar e manifestar as suás crenzas coa a liberdade que lle outorga a Constitución de 1978. Rita Maestre recibiu unha sentenza condenatoria non por exercer o seu dereito de liberdade de expresión senón  por ofender a sensibilidade e os sentimentos relixiosos da maioría dos cidadáns españois.
Amáis, os lectores poden e deben comparar e contrapoñer as recentes accións levadas a cabo polas feministas activistas de Femen quen tras a irrupción nun acto musulmán foron expulsadas do escenario pola forza e sen contemplacións. Tales activistas, según os medios de comunicación, recibiron un auténtico palizón nunha mezquita. En troques, ninguén obrigou a Rita Maestre a abandonar a capela da Universidade Complutense pola forza.
Outro evento celebrado en Marzo de 2016 en París, mostra como nun momento da Conferencia sobre o papel da muller no Islam, dúas mulleres suben ao escenario con todo o torso descuberto e proferindo as súas consignas habituais. Se ben, pasados tan só uns segundos, varios responsables de velar pola seguridade do acto, sacaron ás Femen a golpes. Con toda seguridade, nada diso houbera pasado se fora nun altar católico. Observe, pois, o lector a diferenza de talante e o distinto grao de tolerancia.
Agora ben, o contundente vídeo das activistas feministas de Femen, deixa en evidencia o activismo de Rita Maestre, quen, por certo, aínda non presentou a súa dimisión, non tanto por ter sido condenada, que tamén, senón por mentir no exercicio do seu cargo de portavoz, xa que primeiro negou a súa participación nos feitos e despois admitiu que se encontrou casualmente co grupo de manifestantes ao que se incorporou, pero que, en ningún momento, gritou as consignas que se dixeron e lle atribuiron.
A actual profusión de asaltos, roubos, profanacións e queimas/incendios  de igrexas é un dos feitos máis tristes e lamentables de historia de España, que recorda e auspicia aquel período infame da persecución republicana contra a Igrexa Católica durante os anos 30 do século XX. Asemade,  nesta liña de actitudes hostís e de acoso ao cristianismo na súa vertente católica, deben lembrarse unha serie actos vandálicos, atracos e profanacións levados a cabo nestes dous últimos anos contra templos católicos ao largo e ancho de todo o país, entre os que se inclúe, a modo de execrable exemplo, o que tivo lugar recentemente na localidade de Colmenar Viejo, onde, según publicou un acreditado medio de comunicación español o día 21 deste mes de Marzo de 2016, un grupo asaltou a igrexa de San Xosé cando se estaba a celebrar un acto relixioso no seu interior. Estes, lograron introducirse no citado lugar sagrado, abriron o Sagrario, profanaron as formas- hostias consagradas-  e roubaron ao redor de 8.000 euros destinados a fins benéficos. 
Está fora de toda dúbida que a democracia española e as institucións do Estado, incluído este, experimentaron un forte é mórbido debilitamento como consecuencia da profunda crise económico/financeira, política, cultural, social e moral, que supuxo, entre outros,  cambios de modelos sociales, costumes, maneiras de entender a política e unha inesperada e desconcertante subversión de valores. O autor desta publicación, ensaio, quere poñer de manifesto e rexeitar os seguintes feitos que caracterizan e definen a clase política actual española: covardía moral e política de gobernantes e dirixentes políticos, carencia de líderes con sentido de Estado e capaces de antepoñer o ben común da sociedade aos persoais e de partido.
En última instancia, España nestes complicados e difíciles momentos conta cos peores dirixentes e partidos políticos máis incompetentes e lastrados polas sistémicas corruptelas da etapa democrática, que, en absoluto, están á altura das circunstancias ni tan sequera para pactar aos efectos de constituír un goberno forte e  estable, que permita acabar coa situación de interinidade que vive e padece este país dende o 20D do pasado ano 2015. Todo sería máis fácil de arranxar respectando o principio básico dun sistema democrático que consiste en que gobernase o partido e o candidato que obtivera maior número de votos nominais, neste caso o PP, e se eliminasen os vetos absurdos e antidemocráticos. 
Constitúe un fraude de lei electoral e unha estafa democrática interpretar a fin de amañar a vontade e a decisión dos electores nos despachos dos políticos e utilizala de maneira perversa, maquiavélica e interesada. O académico, Arturo Pérez Reverte, entre outros, afirma que unha España covarde fomenta a proliferación de rufiáns. Polo demáis, a rexeneración da vida pública española, das institucións do Estado e da propia democracia comezará a ser efectiva cando un dos obxectivos do proceso rexeneracionista sexa a erradicación da mentira e o engano por parte dos políticos aos cidadáns. Non obstante, é de xusticia facer a salvedade de que non todos os dirixentes políticos son igual de pusilánimes, incompetentes e inútiles, xa que os hai moi honrados e comprometidos coa defensa dos intereses xerais dos españois.
Segunda parte: Sarcástico e satírico queixume dun morto diante da morte.
Así pois, pola irrefutabilidade dos feitos vividos e experimentados, non me queda máis remedio que admitir que saíches coa túa, obrigándome a ir contigo contra a miña vontade, pero non che arrendo a ganancia porque non levas gran cousa. Agora ben, se me dis para que me queres aló con tanto interese e premura de tempo, eu dígoche canto podes gañar e cal é o teu beneficio levándome. ¡Tamén fai falla ser caprichosa e non ter que facer!. Nin tan sequera tes en conta os dereitos fundamentais que me deu o meu Xefe, coma a liberdade, non, ti ao teu.
Chámame a atención a túa impasibilidade ante tantos alcumes como recibes de todo o mundo, que non son unha dedicatoria cariñosa, senón máis ben un rexeito total á actividade que realizas e ao empeño que tes en montar a túa vida á conta da nosa morte. Non che inmutan nin che alteran. Vouche mencionar algúns cos que es moteada a cotío en distintos puntos da xeografía mundial, como: Parca, Parca cruel, Catrina, Pálida, Cierta, Impía, Chirripusca, Tiliga, Mocha, Pachona y Jedionda, por se tales sobrenomes ou alias conseguen facerche un pouquiño máis humilde, e fan que trates aos mortais con máis sentido humanitario co habitual.
Pero, polo que vexo, a ti dáche igual todo, xa que es unha entidade rara e indoente, e, ademais, porque para ti o negocio é o negocio. Por outra banda, e tendo en conta que non tes amigos nin cultivas a amizade, tampouco che é doado experimentar o que senten na terra as persoas que cometen o viciado delito de “prevaricación e cohecho”. Nin sabes o que é o “tráfico de influencias” nin a “malversación de caudales públicos”. Así, o teu único patrimonio vai ser o do odio colectivo, acumulativo e sostido na infinidade do universo do teu mundo.
Dunha vez por todas, tes que entender que iso é puro egoísmo, polo que  che aconsello que non te esquezas de que a avaricia rompe o saco. Xa sei, xa, que tes a plena seguridade de que a corda sempre racha polo sitio máis feble. Porén, non vaia ser que un día atopes a alguén que che pare os pés, dicíndoche abertamente que non che ten medo, e a ver que fas entón cos teus instrumentos de atemorizar, coma por exemplo, a gadaña; ou a que se van adicar tódolos teus anxos -mensaxeiros ou embaixadores, tantos como tes ó teu servizo: corvos, pegas, coruxas, chingolos, mouchos e morcegos, calandrias, gatos negros, zorros, mulas, cucos, galiñas e galos, e algúns cans, xeralmente de palleiro ou palleiráns, que teñen a especial sensibilidade de percibir a túa inminente chegada aos sitios, e anunciala cos seus característicos ouveos.
Mira, metendo medo, utilizando a forza e actuando por sorpresa é moi fácil levar á xente, pero tenta conseguilo pola vía do convencemento e a ver cantos van contigo. Puidera suceder que recibiras unha boa decepción, que tampouco che viría mal unha lección de humildade, para que enganarnos. E xa non falemos do respecto ás ocupacións dos demais, porque aí é cando demostras a túa falla de solidariedade máis absoluta e de consideración para quen ten dereito a dispor do tempo necesario para arranxar as súas cousas antes de emprender tan prolongada viaxe. 
Nese senso, é arrepiante observar a pouca sensibilidade que tes cos teus “clientes”, non avisándolles de antemán e coa mínima antelación, para prepara as cousas que é preciso levar para tan longa viaxe, a fin de estar entretido en todo o percorrido. Amosas pouca corrección ao non dicirlles o que é esencial para o camiño para non ter que depender sempre dos demais ou de ti.
Despois de todo, entendo que non é tanto pedir. As máis das veces, mesmo parece que actúas con desgana e como se foras unha novata nas tarefas que tes entre as mans e levas a cabo. Creo que é indispensable, por respecto aos “viaxeiros” incondicionais, que procedas con moita máis profesionalidade, e, para iso, hai que prepararse a fondo, e non andar sempre a correr.
Asemade, non é exemplarizante, dála impresión de que sospeitas que  alguén lisque, porque iso desanima moito ao persoal. É necesario, pois, manifestar con feitos unha maior confianza na xente, ou senón, dime, cantos perdeches de levar polo feito de que che faltaran á cita que ti lle puxeches. Honestamente, entendo que non debes queixarte de ninguén, xa que faríalo sen razón, e, incluso, de vicio.
Pero atende ao que che di quen xa deixou de ser mortal, non se pode andar polos eidos da morte con eses criterios tan estreitos, nin con eses fumes e aires, porque ao fin e o cabo sempre que vas por aló os teus “nominados” nunca che fallan, e ti levas a “barca sempre a tope” ou sexa chea, sobre todo, en pontes, fins de semanas, saídas e regresos de vacacións, e outros momentos especiais, ata o extremo de que se sabe que o barqueiro/remeiro Caronte está canso de tanto traballar sen os correspondentes días de descanso. Ou sexa, estamos no de sempre e no de moitos, na explotación dos que teñen ou tedes o poder.
A maiores, aínda hai que soportar e padecer os abusos e excesos en canto a pasar tanto, tanto, tanto tempo sen dispor de asueto para vir dar unha volta para ver ós teus, así como para quebrar a insoportable monotonía da estadía nesa outra dimensión, porque, ao menos, ti, Parca, vés, de cando en vez, dar unha volta por aquí para visitar a túa xente. Pero, nós, nada, sempre no mesmo sitio. E, a propósito disto, permite que che diga ou aconselle que non abuses, porque o falecido, denominado tamén o “occiso”, cando chega ao límite da súa tediosa inactividade nos teus dominios, empeza a preguntar cousas ás que non sempre lle vas poder dar unha resposta que o deixe minimamente tranquilo e sosegado, sendo entón o momento da súa máxima perigosidade para a quietude do sistema que tes montado “da vida post mortem”.
Xeralmente, o gran erro que se comete nesas latitudes do averno, é pensar que a alma non se cansa, e claro, de aí veñen ou proveñen as cerrazóns históricas con relación ao tempo “libre”, chegando incluso a intentar resolver os conflitos tratando de convencer aos “revoltosos” de que o tempo como tal non existe para eles, a ver se así acougaban. E polo de agora, vai habendo paz e boa disposición en canto a que cadaquén se “descompoña” só cando lle toque ou corresponda, pero, ¡coidado!, porque nese teu sistema tamén pode haber cambios inesperados provocados polos descontentos. 
Por último, non me quero esquecer de lembrarche que os problemas dos vicios estanse a arranxar, xa que case  todos teñen os mesmos, pero resulta que a Parca, cando vén a esta orilla, encontra tempo para perdelo como queira e con quen queira, e ela, precisamente, adoita empregalo en liarse con Caronte. Mentres tanto, os de dentro do averno, só lles queda lamentarse por non haber usado-aproveitado- o tempo que tiveron a súa disposición aquí, para vivir os vicios, pois a realidade é que alí fáltalle a infraestructura para facelo. Bueno, despois de todo, esta é a lei da morte, e ti es o xurisconsulto e intérprete da mesma.
Con todo, non quero entrar na eternidade sen dicirche que me amola moito observar a túa parsimoniosa pasividade e indiferencia ante a problemática dos que xa pasamos á situación de falecidos ou dos que estamos nas listas de espera do teu noxento negociado. A túa tranquilidade, mesmo semella falta de preocupación ou despreocupación polos  “clientes”, coma se eles non foran os que, coa súa morte, che resolven a ti a vida .
 E, por Deus, evita dar esa pésima sensación de que estás pletórica de satisfacción cada vez que enches a barca. Habería que preguntarlle ao barqueiro/remeiro de Hades, Caronte, se tanto traballo lle produce ledicia ou, pola contra, aburrimento e tedio, por estar a facer sempre a mesma tarefa, ir e vir “remando” pola lagoa de Estigia, sen tempo para o mínimo lecer. Esta situación non cambia e a monotonía faise insufrible. Ou sexa, a estadía neste tartárico e lúgubre lugar de almas sen o seu correspondente corpo, resulta ser un completo aburrimento, a pesar de que, de vez en cando, veña Eneas a facernos unha visita. Toda a quietude que se respira neste sitio semella ser cousa inventada polo mesmo demo. 
Del blog VERBO SUELTO, de Antonio José Parafita Fraga, escritor y comentarista de temas sociales y políticos, cuyo enlace es verbosuelto. blogspot.com 
NOTA IMPORTANTE .- A quienes prefieran leer este artículo/ensayo en castellano, el autor les indica que tienen la opción de seleccionar todo el escrito y luego aplicarle el traductor al castellano que pueden encontrar o localizar en Google.  

No hay comentarios:

Publicar un comentario