QUEIXUMES DUN MORTO DIANTE DA MORTE.
MACABRO E HILARANTE DIÁLOGO.
Del blog VERBO SUELTO, de Antonio José Parafita Fraga.
Pola irrefutabilidade dos feitos
experimentados, non me queda máis remedio que admitir que saíches coa túa,
obrigándome a ir contigo contra a miña vontade, pero non che arrendo a ganancia
porque non levas gran cousa. Agora ben, se me dis para que me queres con tanto
interese aló, eu dígoche canto podes gañar e cal é o teu beneficio levándome.
¡Tamén fai falla ser caprichosa e non ter que facer!. Nin tan sequera tes en
conta os dereitos fundamentais que me deu o Xefe, coma a liberdade, non,
ti ó teu.
Chámame a atención a túa impasividade ante
tantos alcumes e motes como recibes, que precisamente non son unha dedicatoria
cariñosa senón máis ben un rexeito total a actividade que realizas e ao empeño
que tes en montar a túa vida a conta da nosa morte. Non che inmutan nin che
alteran. Non obstante, vouche lembrar algúns cos que es moteada, como: Parca, Parca cruel, Catrina, Pálida, Cierta, Impía, Chirripusca, Tiliga,
Mocha, Pachona y Jedionda, por se tales alcumes e motes conseguen facerche
un pouquiño máis humilde, e fan que trates aos mortais con bastante máis sentido humanitario co
habitual.
Polo que vexo, a ti dáche igual todo, porque
es unha entidade rara e indoente, e, ademais, porque para ti o negocio é o
negocio. Por outra banda, e tendo en conta que non tes amigos nin amizades,
tampouco podes experimentar o que senten aquí embaixo as persoas que cometen o
viciado delito de “prevaricación e do cohecho”. Nin sabes o que é o
"tráfico de influencias" nin a "malversación de fondos
públicos". Así, o teu único
patrimonio vai ser o do odio colectivo, acumulativo e sostido na infinidade do
tempo.
Dunha vez por todas, tes que entender que iso é puro egoísmo, polo que che aconsello que non te esquezas de que a avaricia pode romper o saco. Xa sei, xa, que tes a plena seguridade de que a corda sempre rompe polo sitio máis feble. Pero, non vaia ser que un día atopes a alguén que che pare os pés, dicíndoche abertamente que non che ten medo, e a ver que fas entón cos teus instrumentos de atemorizar, coma, por exemplo, a gadaña, ou a que se van adicar tódolos teus anxos -mensaxeiros ou embaixadores, tantos como tes ó teu servizo: corvos, pegas, coruxas, chingolos, mouchos e morcegos, calandrias, gatos negros, zorros, mulas, cucos, galiñas e galos, e algúns cans, xeralmente de palleiro ou palleiráns, que teñen a especial sensibilidade de percibir a túa inminente chegada aos sitios, e anunciala cos seus característicos ouveos.
Mira, metendo medo, utilizando a forza e
actuando por sorpresa é moi fácil levar a xente, pero tenta conseguilo pola vía
do convencemento e a ver cantos van contigo. Puidera ocorrer que recibiras unha
boa decepción, que tampouco che viña mal unha lección de humildade, para que
enganarnos!. E xa non falemos do respecto ás ocupacións dos demais, porque aí é
cando demostras a túa falla de solidariedade máis absoluta e de consideración
para quen ten dereito a dispor de tempo para arranxar as súas cousas con
tempo.
Nese senso, é arrepiante observar a pouca
sensibilidade que tes aos teus “clientes”, non avisándolles de antemán e coa
mínima antelación, para poder prepara-las cousas que é necesario levar para tan
longa viaxe, coa finalidade de estar entretido durante todo o percorrido.
Amosas pouca corrección ao non dicirlles que é o máis esencial para o camiño,
coa finalidade de non ter que depender sempre dos demais.
Tampouco é tanto pedir. As veces, mesmo
parece que actúas con desgana e coma se foras unha novata nas tarefas que tés
entre as mans e levas a cabo. Creo que é necesario, por respecto aos “viaxeiros”
incondicionais, que procedas con moita máis profesionalidade, e, para iso, hai
que prepararse a fondo, e non andar sempre a correr.
Asemade, non é exemplarizante, da-la
impresión de que desconfías de que alguén se escaquee, porque iso desanima moito
ao persoal. É necesario, pois, manifestar con feitos unha maior confianza na
xente, ou senón, dime, cantos perdeches de levar polo feito de que che faltaran
a cita que ti lle puxeches. Honestamente, entendo que non debes queixarte de
ninguén, xa que o farías sen razón, e, incluso, de vicio.
Pero atende ao que che di este mortal, non se
pode andar polos eidos da morte con eses criterios tan estreitos, nin con eses
fumes e aires, porque ao fin e o cabo sempre que ves por aquí os teus
"nominados"nunca che fallan, e ti leva-la “barca a tope”, sobre
todo, en pontes, fins de semanas, saídas e regresos de vacacións, e outros
momentos especiais, ata o extremo de que se sabe que o barqueiro/remeiro
Caronte está canso de tanto traballar sen os correspondentes días de descanso.
Ou sexa, estamos no de sempre e no de moitos, na explotación dos que teñen ou tedes o poder.
A maiores, aínda hai que soportar e padecer
os abusos e excesos en canto a pasar tanto, tanto, tanto tempo sen vir a dar
unha volta a ve-los teus e tomar un tempo de asueto, así como para romper a
insoportable monotonía da estadía aló, nesa outra dimensión, porque,
ao menos, ti, Parca, ves, de vez en cando, dar unha volta por
aquí para visita-la túa xente. Pero, nos, nada, sempre no mesmo
sitio. E, a propósito de todo isto, permite que che diga que non abuses, porque
o fenecido, denominado tamén o occiso, cando chega ao límite da súa tediosa inactividade empeza
a preguntar cousas, ás que non sempre se lle vas poder dar unha
resposta que o deixe mínimamente tranquilo e sosegado, sendo entón o
momento da súa máxima perigosidade para a quietude do sistema que tes montado
“da vida post mortem”.
Por último, non me quero esquecer de
lembrarche que os problemas dos vicios estanse a arranxar, xa que case que
todos teñen os mesmos, pero resulta que a Parca, cando ven a esta orilla,
encontra tempo para perdelo como queira e con quen queira, e
ela, precisamente, adoita empregalo en liarse con Caronte. Mentres tanto,
os de dentro do “averno”, só lles queda lamentarse por non haber usado-aproveitado-
o tempo que tiveron a súa disposición aquí, para vivi-los vicios, pois a
realidade é que alí fáltalle a infraestructura para facelo. Bueno, despois de
todo, ésta é lei da morte, e ti es o xurisconsulto e intérprete da mesma.
Con todo, non quero entrar na eternidade sen
dicirche que me amola moito observa-la túa parsimoniosa pasividade e
indiferencia ante a problemática dos que xa pasamos á situación de fenecidos ou dos que estamos nas
listas de espera do teu noxento
negociado. A túa tranquilidade, mesmo semella falta de preocupación
ou despreocupación polos “clientes”, coma se eles non foran os que,
coa súa morte, che resolven a ti a vida .
Del blog VERBO
SUELTO, de Antonio José Parafita Fraga, escritor y comentarista de temas
sociales y políticos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario